A revista EDUGA publicou o seguinte artigo respecto do mestre GROBA

Moitos anos pasaron dende aquel 25 de maio de 1943, día no que un neno de 13 anos debutaba como solista acompañado pola Banda A Unión de Guláns, a banda da súa aldea en Ponteareas.

Ata o día de hoxe, foron escritos infinidade de artigos, centos de traballos académicos sobre múltiples aspectos da súa magna obra e un bo número de libros que recollen non só diversos aspectos do seu labor compositivo, senón tamén da vida do compositor, o mestre Groba. Con todo, ata agora non se publicou nada literario especialmente dirixido ao público infantil. Por ese motivo nace O neno Groba e Música.

Escribir para nenos non é unha tarefa doada nin insignificante, hai moito en xogo e era necesario escoller ben ao autor ou autora. Na Fundación Rogelio Groba tiñamos claro que esta sería a decisión máis difícil, pero tamén sabiamos que escoller a Lidia Fraga para un labor tan sensible e importante era a acertada.

Lidia Fraga é unha guionista audiovisual moi importante no panorama nacional con traballos como as series HierroSerramouraAugasecaHospital RealPadre CasaresPiratas e moitas outras producións que acaban de propiciar o seu salto internacional. Como gran coñecedora do mundo audiovisual, entende ben o ritmo rápido que as novas xeracións demandan á hora de elixir un produto cultural e, ao mesmo tempo, ten a capacidade de transmitir calquera mensaxe cunha enorme sensibilidade, polo tanto, sabiamos que ela era primordial no proxecto que tiñamos entre mans.

Outro dos eixes importantes para levar a cabo unha publicación dirixida aos máis pequenos era a imaxe. Era fundamental atopar unha man capaz de trasladar en debuxos as palabras da escritora dun xeito contemporáneo, atractivo e en perfecta maridaxe co ton do texto. E para isto contamos con Julio Seijas, artista multidisciplinario, quen, como publicista e deseñador gráfico, adoita trasladar á imaxe os diferentes argumentarios dos seus clientes, é dicir, ten a capacidade de sintetizar e traducir a palabra en trazos que conteñan a mesma historia.

Seguir Lendo

 

Traducir »